|
Información
ofrecida por: WEB COSTA DA MORTE..
Con
motivo das I Xornadas de Desenvolvemento Integral do Territorio:
demografía, historia, turismo e medioambiente (Cabana de Bergantiños
13- 21 de abril 2002), os/as participantes dirixímonos a Vde.
e á opinión pública en xeral para manifestarelle a nosa enérxica
(e enésima) protesta polo estado deplorable en que os organismos
públicos galegos manteñen o Dolmen de Dombate (Borneiro-Cabana),
Ben de Interese Cultural, desde hai máis de TRECE ANOS.
En 1989 remataron as escavacións realizadas baixo a dirección
de J. Mª Bello e, desde aquela, o monumento está cuberto por
unha antiestética lona de plástico sobre postes de formigón
que impide que poida ser visto non só polos propios veciños
da parroquia e da comarca, senón que tamén pola multitude de
visitantes que seguen chegando (enganados) de calquera punto
de Galicia, España ou de Europa: privada a cidadanía do seu
disfrute e contemplación, marchan comprensiblemente defraudados
e burlados. Ninguén comprende o deixamento de competencias por
parte da Xunta de Galicia, que dá lugar a unha situación de
constante perigo para este Ben senlleiro -cualificado polos
especialistas como "a catedral dos dolmens galegos"- e, en todo
caso, impedindo a súa función social durante esa ducia longa
de anos sen que se albisque ningún cambio nun futuro próximo.
TRECE
ANOS de ocultación e abandono son excesivos para un territorio
como a Costa da Morte, ó que se lle ven privando inxustamente
dun dos elementos máis significativos para a súa promoción cultural
e turística. TRECE ANOS son moitos para permanecermos
calados ante o atentado que supón o deterioramento imparable
das importantes pinturas milenarias que quedaran ó descuberto
tralas escavacións.
Pero
Dombate é aínda moito máis que un monumento senlleiro: este
dolmen, epicamente cantado polo poeta Pondal a finais do séc.
XIX, pasou a ser un símbolo para toda Galicia, e por iso debe
saír do seu "secuestro" para volver formar parte da paisaxe
galega, co mesmo dereito que a Torre de Hércules ou a Catedral
de Santiago.
TRECE
ANOS son moitos e xa estamos cansos de que se anuncien proxectos
que nunca se cumpren; cansos de que varias xeracións de rapaces
non tiveran aínda nunca ocasión de o ver.
Por
todo isto, e por moito máis, esiximos que, dunha vez por todas,
o Goberno galego tome xa unha solución definitiva: ou poñer
en marcha o Plan Director da Deputación da Coruña ou volver
cubrir de terra todo o escavado, pinturas incluídas, e que volva
a estar como estaba antes. Ou unha cousa ou outra, pero que
a Xunta de Galicia tome unha decisión.
Cabana
de Bergantiños, 21 de abril de 2002 .
|
ASINE
O MANIFESTO
Si
vostede quere adherirse ó manifesto, envienos
un correo co asunto "adhírome ó manifesto
polo estado de Dombate".
|
|