|
|
O nome da Costa da Morte ten dúas orixes: os naufraxios e a morte do sol (Ara Solis). O nome tradicional para o Finisterrae ata o séc. XVIII é o de Promontorio Céltico (Celticum prom) de onde o bardo bergantiñán Eduardo Pondal senta as bases para a sua construcción poética. O nome Costa da Morte responde a unha realidade natural difusa, isto é, xeograficamente é un conxunto de comarcas naturais . Nos textos árabes da idade media o nome de Céltico é usado para se referir ás terras de Bergantiños. E na cartografia europea onde máis frecuentemente volvermos atopar o termo Céltico para sinalar o Finisterrae. Entre outros moitos estudiosos, cabe destacar a Gerard Mercator e Abraham Ortelius, ambos do século XVI, que usaron o termo Celticum et Nerium para denominar o promontorio fisterrán. A Costa da Morte encóntrase entre os 42º 45' e 43º 25' graos de latitude, estando delimitada polo océano Atlántico ao norte e oeste. Os ríos principais que compoñen as distintas comarcas son o Anllóns, Xallas, Grande e Castro. As máximas altitudes acádanse nos Montes da Ruña (646 m.) Monte Pindo (629 m.), Monte Santa Bárbara (538) e Monte Neme (386 m.). Os Cabos máis importantes, de coñecida sona en todo o mundo, son o Cabo Fisterra, Cabo Touriñán, Cabo Vilán, Cabo Roncudo e Cabo de Santo Hadrián. CLIMA As temperaturas son témpedas no verán e frescas no inverno en todas as comarcas, con isotermas de 17.5 ºC. no mes de San Xoán e de 7.5 C. no mes de Xaneiro. A media anual é lixeiramente inferior á que lle correspondería tendo en conta a sua latitude, debido aos efectos beneficiosos da Corrente do Golfo no inverno e aos refrescantes ventos do norte no verán. As choivas son menos frecuentes que no conxunto de Galicia, chegando incluso a obter os niveis máis baixos dos índices pluviométricos galegos (Camariñas e Muxía, 800 a 1000 mm, e Fisterra, 600 a 800 mm. Os meses de Outono a Marzo son os que rexistran maior actividade pluviométrica (900 a 1000 mm), descendendo no verán ata (200 a 300 mm). Avanzada continental no Atlántico, primeira receptora en Europa das borrascas do norte, considérase os ceos e especialmente o solpor da Costa da Morte coma un dos máis espectaculares do mundo. ECONOMIA A pesca e a gandeiría xunto co sector servicios son as máis importantes fontes de riqueza nestas comarcas. Malpica e Camariñas son os portos que máis desembarcan (5000 a 6000 tn ao ano) seguíndolles por este orde Caión, Corcubión, Fisterra, Laxe, Corme, Muxía e Camelle. Pertencente ao dominio florístico eurosiberiano, a exploración forestal das especies de rápida medra de pinos e eucaliptos cambiou nas últimas décadas a paisaxe, antigamente poboada de bosques de caducifolias, especialmente de carballo. O reaxuste do sector primario da última metade de século creou unha forte vaga migratoria cara aos países europeos, América, e aos núcleos máis próximos na zona da Coruña. A
zona é actualmente base de empresas líderes no seu sector,
en boa medida gracias á súa localización estratéxica
no eixo de comunicacións Coruña-Santiago e aos portos de
mar. As comarcas de Fisterra, Soneira, Xallas e Bergantiños posúen
importantes activos e recursos no sector primario, notadamente nas actividades
agrícolas e marítimas. O sector terciario desenvolveuse
extraordinariamente nas últimas décadas, e a zona configúrase
como privilexiado destino turístico de Galicia.
HISTORIA Os restos do megalítismo atlántico desde hai 6.000 anos (túmulos, dólmens ou mámoas que preceden en 1000 anos ás pirámides de Exipto) e petroglifos achados en grande número testemuñan o antigo poboamento destas terras, onde desde o bronce final estaba instalada a touta céltiga dos Nerios e Brigantinos. No Reino Galaico-Suevo da baixa Idade Media estas terras dependeron en parte da Diócese de Iria, e na alta Idade Media foron terras do poderoso clan dos Traba de Tras-Tamara, rexedores do Reino de Galiza. Da casa dos Traba xurdiron posteriormente diferentes liñaxes, entre elas os Moscoso de Altamira, que herdaron dos Traba os feudos da Costa da Morte. O periodo medieval foi de grande prosperidade e liberdades no Reino de Galiza, debido tanto á preponderancia política e cultural do Reino como ao intenso comercio medieval mantido con toda Europa. Exite unha tradición de comercio co mediterráneo e toda a franxa atlántica que arrinca dos tempos prehistóricos. Debilitada a nobreza galega tras as Guerras Irmandiñas, os Reyes Católicos anexionaron Galicia ao Reino de Castela no séc. XV, integrando as comarcas nas provincias de Santiago e Coruña, con lindes que mudaron no tempo. Nos Séculos Escuros, as xentes do Finisterrae soportaron levas militares e abusivos impostos para financiar as guerras do Reino de España, o comercio marítimo con América e Europa foi prohibido, os montes foron deforestados para construir as Armadas españolas e a cultura galega foi censurada. As xentes, sen embargo, seguiron conservando unha cultura milenaria que chega ata os nosos dias. No albor do séc.XIX, no rexurdir do sentimento e cultura galegas, diversas personalidades adheriron o levantamento militar de 1848 pola Autonomía de Galicia, que rematou traxicamente cos fusilamentos dos Mártires de Carral. Igualmente, a Costa da Morte veu nacer grandes figuras do galeguismo, como Alfredo Brañas, Eduardo Pondal ou López Abente. NAUFRAXIOS
POBOACION E IDIOMA Habitada
desde hai miles de anos, a antiga lingua céltiga galaica deixou
forte pegada na toponimia e na fala das xentes de estas comarcas. Zona
de riquísimo acento só comparable -especialmente en
áreas de Xallas e Soneira- ao do norte de Portugal, son características
destas terras os fenómenos da gheada e do seseo, formas de perfecto
e imperativos arcaicos e léxico con forte compoñente céltico.
Hai presencia de elementos xermánicos fundamentalmente na toponimia.
TERRESTRES As principais vías de entrada proceden da Coruña (autoestrada Coruña-Carballo A-55 e Comarcal Coruña-Fisterra 552) e de Santiago (Comarcal Santiago-Fisterra 550, e Comarcal Santiago-Baio 545). Existe unha axeitada rede de gasolineiras na Costa da Morte, tendo a maioría delas supermercado e lavadoiro de autos. O servicio público de transporte na Costa da Morte está xestionado por Autocares Finisterre, tel : (981) 22 63 95. As principais vilas posúen servicio de Taxi. As estacións de camiño de ferro máis próximas son Santiago de Compostela (981) 52 02 02 e A Coruña (981) 15 02 02. MARITIMAS Hai 14 portos axeitadamente equipados para o atraque de embarcacións deportivas : Barizo, Caión, Camariñas, Camelle, Cee, Corcubión, Corme, Fisterra, Laxe, Malpica, Muros, Muxía, O Pindo e Portocubelo. AEREAS
DIXITAIS Diversos satélites cubren perfectamente a comarca para envío e recepción de correo electrónico mesmo desde o mar. Videoconferencia posible con requirimentos previos. Hai lagoas na telefonía móbil e o acceso a redes non é posible desde telefonía fixa con track. Actualizado: Nov. 98. |