DUMBRIA
Bravo encontro do Xallas e do Atlántico

Sobre a Costa da Morte
 
 
Tras un dramático percorrido polo canón do Monte Pindo, o Xallas fúndese espectacularmente co Atlántico nun belido cadro natural no que se encadra unha das máis bariles batallas da mitoloxía galega.
As terras do mítico Combate de Dumbría

O topónimo Dumbría refire a existencia dunha importante citania nestes eidos, como indica o vocablo Dunn, palabra da anterga lingua céltiga galega. Precisamente, Benito Vicetto encadra en terras de Dumbría, na súa Historia de Galicia de 1865, o mitolóxico combate librado entre Céltigo e Noerio, xefes de clan dos primeiros galegos, batalla cantada e exaltada polo bardo Pondal :
 
 


Intrépidos galegos,
que desde antigos días
sobre a frente levades
a estrela vespertina,
se queredes ser fortes
nas épicas porfías,
lembrádevos do rudo
combate de Dumbría.

Aos vosos nobres fillos,
relembre noite e días
os feitos denodados
da vosa xente antiga ;
recordade decote
os seus feitos i ousadías,
recordade o famoso
combate de Dumbría.

 
 
Final destino do nobre Xallas

A igrexa barroca de Buxantes, de torre erguida polo mesmo autor da Torre do Reloxio da Catedral de Santiago, marca o roteiro que acompaña ao Xallas cara o seu espectacular encontro co Atlántico.

Ao pé das abas graníticas do Monte Pindo, perto da morte do Xallas, o enxebre lugar e ermida de Santa Uxía precede a un ponto panorámico desde onde se goza dunha das máis abraiantes e variadas paisaxes das terras de Fisterra, co encorado Xallas, o desafiante Monte Pindo, e a unión do verdescente río co mar de Ezaro.

Finalmente, o Xallas fúndese co Atlántico en caída vertical de 100 m., nun espectáculo natural único en Europa, descrito polo Padre Sarmiento na súa Viaje a Galicia de 1745. A titánica masa de auga, cuxa forza creou un pozo de 16 m. de profundidade, é actualmente observable en aleatorias circunstancias por mor da construcción do encoro de Santa Uxía.

Para saberes máis sobre Dumbría : 
Concello de Dumbria : Lugar de Dumbría / 981 74 40 01

Para coñecer máis sobre esta terra xa podedes mercar o libro,
          As cruces de pedra na Galiza

na Librería Trazos, para calquer consulta mandenos un E-mail a:

trazos@finisterrae.com