voltar

 
 
 
O Web Costa da Morte quere facer constar que as opinións verquidas neste espacio son absolutamente libres e alleas á opinión do noso espacio.

Autor: Roberto Traba Velay
Título: Cartas desde o Corazón

Non sei eu como andará o asunto ese do lanzamento do globo en Fisterra. Disque se hai mal tempo non van poder soltalo, e os fisterráns, sobre todo a rapazada, quedarémonos sen ese xigante tan anunciado, con cara de pasmados mentras comemos as uvas.

A min este ano me é igual que haxa globo, avión ou cohete; iso que son persoa que disfruta con calquer cousiña que saia algo do normal, pero é que non ando eu o que se dí moi alá pola culpa dun que xa sabe quen é e que naceu con tan mala sangue que este Nadal conseguiu facer que eu non poda ver ós meus fillos, e o que é máis grave, que eles non me poidan ver a min.

Disque os fisterráns este ano teremos, se é que consiguen lanza-lo globo ese das lamentacións e das ilusións da fin do milenio, a sorte de envia-las nosas mensaxes e os nosos desexos ata Deus sabe onde, e a min -¿por que non?-, gustariame facelo sen importarme se o globo ese é cousa de Xan ou de Pepe, porque tampouco a Xan ou a Pepe lles importa se eu podo ver ós meus fillos ou non. Así que hei de enviala miña mensaxe, se é que ó fin lanzan o globo, claro está, que en Fisterra nunca se sabe.

Nela, gustariame poder explicarlle ós meus fillos coas palabras máis axeitadas que eu poidera atopar cal é a razón pola cal este Nadal, último Nadal tan esperado por todos, non poderán ver ó seu pai; e entón iría ó estanco, mercaría un sobre e un par de follas desas de escribir, e diríalle a Miguel, o meu debuxante preferido, que me pintara un sello de non seu canto para que chegara ó ceo, e entón metería a carta na canastiña do globo ese que disque van lanzar, e estou certo de que entón si lles chegaría ós rapaces, pero, ¿para que? Se eles ben saben xa a razón, a única razón de non poder ver ó seu pai en Nadal, último Nadal esperado por todos.

Como tamén saben que eu non son un guerreiro, e que tampouco me educaron para elo e polo tanto non podo comenzar a disparar contra a trincheira dos que me consideran inimigo, sabendo que eles andan polo medio nunha liña imaxianria de fogo cruzado.

Xa saben eles que o que resiste, ó final, gaña, e xa saben eles tamén que está chegando o tempo de saír da trincheira para empeza-la loita. Por iso creo que cando chegue o día, no globo, botarei sinxelamente: 'Guiller e Adriana, quérovos moito', e noutro sobre a mensaxe que diga: 'Terrícola solitario busca alieníxena ben parecida para relacións interplanetarias', porque non quero, meus fillos, por moito que non estemos xuntos, que vos falte a risa nunca.

Outros artículos de opinión

Pode vostede enviar os seus comentarios e opinións, remitindo un correo electrónico a 'Opinión desde o Finisterrae'.

+
Recorde que pode mercar os libros e guías para coñecer mellor a zona en Librería Trazos

Lugares
Natureza
Que facer?
Contos
Pousada
Tenda
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com