voltar

 
 
 
O Web Costa da Morte quere facer constar que as opinións verquidas neste espacio son absolutamente libres e alleas á opinión do noso espacio.

Autor: Roberto Traba Velay
Título: Foi o Xaneiro Traidor

Lembraba eu na miña crónica da semana pasada os afundimentos dos barcos fisterráns Bonito, Isleña e Begoña, nos que afogaron un total de dazaoito homes, sucedidos todos no mes de xaneiro.

Dicía tamén que xaneiro era un mes de tristes recordos para a xente do meu pobo, así como que o mar de xaneiro xa tiña máis que cobrado o seu tributo ós mariñeiros de Fisterra, e hoxe, sen apenas mediar unha semana e como se dun presaxio se tratara, semella que o mar tomara a súa vinganza polo atrevemento das miñas palabras apropiándose da vida dun rapaz de vintecinco anos que se chamaba César e que ás veces gañábase a vida pescando coa cana, apañando percebes, mergullando longueirón, probando coa liña, ou como boamente se pode, porque como tantos outros algo hai que facer para tirar para adiante, e mentras se poida aguantar sen emigrar a Suiza pois se aguanta porque xa se sabe que a terriña é a terriña e o demáis son contos.

E foi o mar de xaneiro outra vez, sen que lle importara quen era, nin como se chamaba, nin cantos anos tiña, nin se mataba moito ou pouco, ou se era legal ou non, veterano ou principiante, ou ata home ou muller. Iso nunca se sabe porque cando o mar está como estaba onte -ben, o martes- calquera pode se-lo elexido para formar parte desa longa lista de víctimas que a nosa costa lle proporciona.

Porque onte, como me dicía un percebeiro, o mar estaba como unha montaña ou, mellor dito, había unha montaña de mar que de vez en cando ía e viña, de xeito que en calquera intre podíache acorralar e derribar sen decatarte, con esa incrible forza que só teñen as augas na ardentía destes xaneiros oceánicos.

Onte, mentras falaba con ese percebeiro, puiden comprobar na súa ollada unha especie de resignación tranquila e contaxiosa, a mesma que hoxe podía intuir nos mariñeiros que camiñaban polo peirao de Fisterra, e nesa especie de conformismo voluntario atopeime tamén con esa valentía tan digna de admirar que teñen os homes de mar, daquela valentía da que tanto me ten falado un vello emigrande falecido fai anos e que financiou a construcción dun cruceiro para homenaxear ós mortos da Costa da Morte, moi pertiño do Faro.

A súa idea era construir unha gran cruz no alto do Centulo, un enorme illote con cabeza de león que no medio do mar pode ollarse desde terra. Sería unha obra faraónica, pero tanto afogado ben a merecería.

Outros artículos de opinión

Pode vostede enviar os seus comentarios e opinións, remitindo un correo electrónico a 'Opinión desde o Finisterrae'.

+
Recorde que pode mercar os libros e guías para coñecer mellor a zona en Librería Trazos

Lugares
Natureza
Que facer?
Contos
Pousada
Tenda
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com