GALICIA
ENTEIRA (Fisterra
e Costa da Morte)
Xosé Luis Laredo Verdejo
Neste primeiro volume de Galicia Enteira percorrerémo-lo
litoral noroeste de Galicia, coñecido tradicionalmente
como Costa da Morte, e as terras do interior próximas
a ela. A estrada C-552 da Coruña a Fisterra vainos
servir de eixo para írmonos achegando ás
rías e ós portos que configuran este orixinal
e atractivo segmento de costa galega. Describiremos,
xa que logo, en primeiro lugar, a rota da Coruña
a Fisterra e poñeremos, a continuación,
os principais desvíos que faremos, dende a devandita
estrada cara á costa.
Antes
de inicia-la marcha indicaremos sucintamente algunhas
características das comarcas que imos atravesar.
En primerio lugar, e a pouco de sairmos da Coruña,
entramos na Terra de Bergantiños, comarca natural
que abrangue os municipios de Carballo, Coristanco,
Laracha, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, a parroquia
de Anxeriz do concello de Tordoia, e máis algunhas
parroquias do municipio de Arteixo (Sorrizo, Monteagudo,
Charracín, Barrañán, Lañas,
Armentón e Lariño).
A Terra de Soneira, ou O Val de Vimianzo, articulados
ámbolos dous nunha mesma unidade xeográfica,
ocupa case toda a cunca do río Grande do Porto,
fóra do seu último tramo, que entra dentro
da influencia da ría de Camariñas e Muxía.
Fisterra é a terra máis occidental
de Galicia e do territorio español peninsular.
Tres puntas disputan o privilexio de se-la auténtica
fin da terra, pero en realidade é o Cabo da Nave
o que acada a máxima lonxitude occidental con
9º 18’19’’, superando por pouco ó cabo Touriñán
e ó mesmo cabo Fisterra. A bisbarra de Fisterra
está formada polos concellos de Fisterra e Corcubión,
cunha parte dos de Muxía.
|