|
A Banda
sen futuro
Marilar Aleixandre
A novela coa que Marilar Aleixandre gañou este premio
literario titúlase A banda sen futuro, que é como
se chamaba tamén o primeiro grupo musical que formou
Ignacio Gasca, Poch, que despois de pasar por Pegamoides e Ejecutivos
agresivos e de colaborar con Pedro Almodóvar en Laberinto
de pasiones, formaría Derribos Arias, o grupo co que
nos oitenta acadaría os seus mellores éxitos dentro
da música pop española. Este músico, morto
prematuramente, será un elemento de grande importancia
na narración que nos ofrece Marilar. A novela iníciase
coa conxunción de dous acontecementos que Carlota, a
protagonista, tomará coma a maior das desgracias. Terá
que comezar as clases nunha situación que lle fai máis
duro este momento, porque haberá de ir coa cabeza rapada
-depilada- por mor dunha enfermidade, e Poch morre como consecuencia
da enfermidade de Huntington. O emparellamento dos dous sucesos
dá lugar a unha continua dialéctica na que Carlota
increpa, máis que dialoga, ao retrato de Poch que ten
na parede do seu cuarto. Neses intercambios é onde se
atopa o verdadeiro cerne desta novela, pois Poch será
quen lle vaia proporcionando a Carlota as claves polas que concluír
as súas reflexións. O músico non fai un
papel dun Pepito Grilo que lle vai indicando o errado das súas
actuacións, senón que é o camiño
que leva a Carlota cara a si mesma, que é o lugar onde
están a maioría das respostas para as preguntas
que se plantea. Pero Carlota non pode, aínda que ben
querería, pasar a vida enteira encerrada no seu cuarto
a dialogar co retrato do cantante, haberá de ir ao instituto,
que equivale a se introducir nunha selva na que en cada recanto
agarda un perigo. Perigos que a rapaza coñece e mesmo
se plantea con claridade antes de que acontezan. Despois sucederán
ou non, pero ela xa os puido interiorizar. Mais nesa selva é
onde está a súa vida, e non agachada no cuarto.
Deberá, pois, aceptar a súa cualidade de ser en
relación, o alto prezo que a todos se nos cobrou por
medrarmos e facérmonos adultos Os compañeiros
e compañeiras do instituto, adolescentes tamén,
forman un nicho ecolóxico no que Carlota haberá
de vivir nese conflicto inevitable cando se procura a harmonía.
Alí hai conxéneres, pero tamén depredadores,
coma en toda selva. Pola novela vai pasar a música, magnificamente
integrada -Aerosmith, The Doors e Jim Morrison, etc- , o cine
-Fargo, Mary Reilly- e o teatro. Pero tamén o amor, o
desamor, o desexo...Aínda tendo cada capítulo
encabezado por unha data (ás veces varias dentro do mesmo
capítulo) e estar narrada en primeira persoa, non se
trata dun diario ao uso nin dun dietario, senón dunha
narración datada, o que permite que o lector teña
máis cumprido control sobre do paso do tempo. Os diálogos
son brillantes e moi cribles, como todo nesta novela da que
cómpre destacar a súa verosimilitude. É
unha ficción máis que plausible. Máis aínda,
é verdade.
Volver
|