![]() ![]() |
|
Xosé Manuel Lema Tres fíbulas metálicas de cintos de guerreiros suevos foron atopadas por técnicos do programa "Descubriendo Milenios", dentro do traballo de campo que se está a realizar para a recuperación do patrimonio. Este programa desenvólveo a entidade supramunicipal "Neria" nos doce concellos que a integran. As pezas, en bo estado de conservación, proceden da necrópole tardorromana e bárbara de Moraime, dentro do termo municipal de Muxía, foco de cristianización da Costa da Morte e importante cenobio medieval, e son propiedade de un viciño de Merexo no citado concello, quen llo comunicou aos membros do equipo multidisciplinar que dirixe o historiador coruñés Alberto Carton. Este traballo de campo baséase en referencias orais e escritas, igual que aconteceu con outros achádegos anteriores. O programa cultural e formativo "Descubriendo Milenios" consta de cincuenta e dúas conferencias, dez vídeos, a creación de un banco de datos comarcal, un arquivo fotográfico dixitalizado, ademais de varios traballo de campo e rotas didácticas nas que a entidade Neria, dentro do apartado formativo do plano europeo Leader 2, pretende levar a cabo un profundo labor investigador en todo o seu territorio, tanto na súa historia, como na súa etnografía, ecoloxía, turismo, artesanía, etc. A raíz do descrubrimento destes restos materiais (fíbulas) do pasado menos coñecido de galicia, o da época do Reino suevo, primeiro reino bárbaro tras a caída do imperio romano, o equipo encargado dos traballos de campo e a Asociación Neria desexarían que a necrópole de Moraime, unha das xoias da arqueoloxía galega na que nos anos setenta se levaron a cabo importantes excavacións, fora convenientemente estudiada e conservada. Este lugar, xunto co de Tines en Vimianzo, constitúe unha auténtica xoia da época sueva, e sobrevive nunha situación de total abandono. Para o historiador e coordinador de dita iniciativa,
Alberto Carton, o achádego supon algo moi positivo, "un paso máis
no labor investigador de Descubriendo Milenios e que debe servir para motivar
á sociedade e aos organismos públicos e manter, conservar
e estudiar o noso patrimonio histórico nunha zona culturalmente
tan rica como son os doce municipios que integra a asociación Neria".
|
|||||||||
|