TRIFÓN FOISE COMO CHEGOU 
 
Este é o primeiro artigo periodístico de Roberto Traba Velay, que vai ser a partir de agora colaborador do web, un fisterrán convencido, amante das historias e xentes deste finisterrae.
  
Roberto Traba Velay 
 
Estes días, polas rúas, bares e comercios de Físterra, correu de boca en boca a mala nova da morte de Trifón. 

Nas carnicerías, nas tascas, nos supermercados e nos chollos do muelle, a xente estrañábase cando coñecía a noticia de que as súas cinzas, traídas desde Madrid, estaban xa depositadas no camposanto fisterrán e descansando xunto á tumba de Xuliana, a súa dona, a quen sempre chamou "mamá", e con quen mantivo, como el mesmo dixo, unha relación de putadas mutuas porque era a mellor maneira de amosarse que estaban profundamente enamorados. 

A xente foise enterando pouco a pouco de que finara, de igual xeito que pouco a pouco tamén fora descubrindo, fai unha ducia de anos atrás, que entre nós vivía un novo veciño, alto, flaco, elegante, educado e alegre conversador do que se descoñecía a súa profesión, pero que co paso do tempo foise sabendo que era artista, aínda que para el, segundo me contou unha vez, iso de chamarse artista parecíalle unha xilipollez. 

A Trifón non lle gustaba, para nada, andar de aquí para alá amosando a súa ampla e variopinta obra. Tampouco foi partidario de andar chamando de porta en porta para facerse proveedor ou cliente de algun marchante de pintura e así promocionarse e poñerse de moda para saír na prensa e demais medios de comunicación. Estou seguro de que calidade non lle faltaba para iso, pero Trifón, Xosé Luis, era moi á súa maneira, e prefería, antes que ir de artista, agocharse no corazón da Costa da Morte e misturarse coa xente que habita estas terras. 

Entre os seus amigos, ós que sempre lle regalaba algún cadro, cóntanse mariñeiros, taberneiros, aprendices de escritores, e ata enganchados a algunha droga. Con todos eles foi sempre un cabaleiro, tolerante e bo conselleiro, virtudes que seguramente el aprendera das amizades que cultivou, xente toda de letras como César García Luano, Diego Galán, Pedro Olea, Paco Umbral e incluso o mesmísimo Pío Baroja, que, como el dicía, era un señor moi estirado dentro da súa boina. 

Trifón, Xosé Luis, foise como chegou, sen facer ruído, pero a maxia da súa pintura seguirá viva nas retinas dos nosos ollos, e seguiremos estrañándonos cando recordemos aqueles pequenos cadros feitos con madeiras e materiais que o mar deixou nas praias de Fisterra e que titulou "Os inquilinos do Mar de Fóra". Cadros nos que, baixo soles triangulares, "Don Benigno" "La Grandigorda" ou "El monstruo del Lago Ness", bañábanse no mar de Fisterra como se foran distinguidos turistas no medio dun infinito azul e verde de alga mariña. 

 
 Entre para ver as novas anteriores
 
  
Para subscribirse o boletín de  finisterrae.com:
boletín@finisterrae.com
 
Lugares
Natureza
Lecer
Contos
Pousada
Economía
 
 
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com