| A
Estación de Salvamento Barbeito e Cía.
Camelle
e Arou, posibles emprazamentos viquingos na Idade Media, son dos
lugares que máis naufraxios asistiron. Desde o ano 1898,
a Estación de Salvamento Barbeito e Cía dedicábase
á extracción de chatarra e despece dos barcos naufragados,
estando atenta en intervir en calquera salvamento. Durante moito
tempo, foi Camelle o centro de recepción de náufragos,
de representantes de compañías de seguros, de persoal
de alfándegas e de cónsules de varios países,
xa que era nas oficinas de salvamento onde se practicaban as primeiras
dilixencias.
Lígase
ás veces o elevado número de naufraxios tamén
á práctica da piratería de terra.
Os piratas de terra ou raqueiros, menos coñecidos e populares
cós do mar, actuaban pretendidamente nas fisterras
de Bretaña, Cornualla, Gales, Galicia e Irlanda. Mediante
a colocación de fachos nos cornos das vacas, desorientábanse
aos barcos, algúns dos cales naufragaban e espallaban na
costa a súa carga. Isto ten unha orixe literaria e ficcional.
Camelle prestou sempre axuda nos naufraxios,
con grande perigo para as súas xentes. Os máis dos
veciños de Camelle e Arou lembran aínda contos dos
non lonxanos tempos de naufraxios, atesourando reliquias dos máis
célebres: Na igrexa do Espírito Santo de Camelle,
consérvase a campá do buque inglés City
of Agra, naufragado o 3 febreiro 1897 enfronte de Arou.
Dos 61 tripulantes, as coraxosas xentes puideron salvar a 32 mariñeiros,
arriscando a súa propia vida coma en tantas catástrofes
marítimas acontecidas nestes lares.
|