| Excepcional
refuxio de aves migratorias
As
Sisargas son reducto vixiado do seu afamado percebe e privilexiado
hábitat para especies migratorias. A soidade atlántica
dos seus egrexios e inviolables cantís protexen a unha gran
colonia de aves mariñas que encontran aquí o lugar
apropiado para a súa reproducción. Entre estas, atópase
algunha rara especie en vías de extinción coma
o Arao dos Cons (Uria aalge ibericus). Tamén crían
nas Sisargas as meirandes colonias hispánicas de Gaivota
tridáctila (Rissa tridactyla), Gaivota escura e Cormorán
moñudo (Phalacrocorax aristotelis). Outras especies
de interese son a Gaivota clara (Larus cachinnans), o Andurón
(Apus melba), o Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis),
o Cereixeiro, o Carnazal, e o Falcón peregriño (Falco
peregrinus).
O cabo
de Santo Hadrián é o mellor lugar de observación
dos pasos migratorios das aves de setembro a outubro. De gran riqueza
xeolóxica, ornitolóxica e paisaxística, o cabo
acobilla a numerosas especies á procura de alimento no continente,
entre estas o Corvo viaraz (Corvus corone), o Corvo cereixeiro
(Corvus monedula), a Pega (Pica pica), a Gaivota clara (Larus
cachinnans) e algún Corvo carnazal (Corvus corax).
Asemade, os fondos do cabo e das illas son un apreciado enclave
para o submarinismo de observación.
Neste
ponto, o máis septentrional de Bergantiños, emprázase
a ermida de Santo Hadrián do Mar, do séc.XVI. No camiño
ata a praia de Seaia, atópase na beiramar unha cristianizada
pedra da serpe, emparentada coa de Gondomil en Corme.
A lenda lembra o antigo culto ofilátrico galego, posteriormente
reconvertido e reciclado polos cristiáns cara ao protagonismo
do Santo.
"
... e van en ringleira
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
eu noto reparo.
Ah! quen fora como elas tan libre!..
"
Eduardo
Pondal
|