CORME
Vila do mellor percebe do mundo
Sobre a Costa da Morte
 
 
 
 
Corme, un dos primeiros portos galegos, está ineludiblemente xungido
á natureza salvaxe do Roncudo, emblemático cabo da Costa da
Morte e principal centro percebeiro do mundo.
 
No mítico Cabo Roncudo 

O ronco són producido polo violento bater das ondas contra espidos rochedos deu nome a este cabo, testemuño de tantos naufraxios e perdas humanas, percebeiros os máis deles, como lembran as cruces erguidas na súa memoria. 

Na ponta do Roncudo, intrépidos homes van ao percebe pendurándose cantil abaixo e fuxindo das mortais ondas que, nos días de temporal máis bravo, montan cabo arriba como se quixesen devorar o faro do Roncudo, guía fidel dos navigadores da Costa da Morte. 

Este prezado froito de mar, protagonista dunha festa gastronómica de grande sona cada verán, é xunto con outros tantos mariscos a especialidade de Corme, importante porto pesqueiro de Galicia. Nas tabernas desta típica vila mariñeira, de rúas estreitas e casas pintadas a vivas cores, descansan vellos lobos de mar como tamén fixera o Almirante Mourelle, descobridor no Pacífico norte para o Reino de España. A casa natal do militar cormés do séc.XVIII forma parte do conxunto local de varias casas decoradas con escudos señoriais. 

 
 
 
Viaxe ás tradicións céltigas de Bergantiños 

As terras de Corme recordan novamente a superficial cristianización de Galicia ; Na Pedra da Serpe de Gondomil, de idéntica orixe que a do cabo Santo Hadrián, unha cruz foi engadida sobre a serpe para desviar a veneración ofilátrica cara o cristianismo. Fronte a belida praia da Ermida de Gondomil, na Illa da Estrela, dous cromlechs e un castro deixaron lugar a unha capela adicada á virxe, da que hoxe só se conservan ruínas. Nesta ínsua soterrábanse antigamente os cadáveres de descoñecidos cuspidos polo mar do Roncudo. 

Do mesmo xeito, no Monte Faro en Brantuas celébrase unha romaría de grande popularidade que veu substituir un culto precristián. Pervive outramente a tradición de virar as tellas da ermida para cambiar a dirección do vento, como aínda se practica en zonas doutros países celtas. Desde o Monte Faro albíscase un panorama excepcional : Corme e a súa ría, ponta Nariga, e o val de Brantuas aberto cara Ponte-Ceso, lar do Bardo Pondal. 

O atractivo natural de lecer da rochosa costa de Corme compleméntase coas segredas praíñas de Niñóns, Morro e Barda. A 1 km. desta, áchase o Castro, marítima citania pechada por cantís, da que contan as xentes que está habitada por Mouros, personaxes fantásticos soterráns da mitoloxía celta que reciben o nome de Mauras en Irlanda e de Korrigans na Bretaña. 

Para saberes máis sobre Corme : 
Concello de Ponte-Ceso : Concello, 18 / 981 71 40 00 
Web de Corme e arredores