![]() |
|
|
Outra vez, Roberto Traba Velay vén contarnos unha historia coas que nos fai ver cal é a vida do día a día, nunha das nosas poboacións da Costa da Morte. Roberto Traba
Velay
O luns, os teléfonos soaron máis da conta a partires das nove e media da noite porque irmáns, tíos, amigos, pais e colegas querían comunicarse os uns ós outros que estaba saíndo o Pecas pola Galega e que o estaba facendo, desde moi ben, ata coxonudamente, pasando por de p… madre. Posiblemente na noite do luns, e gracias á colaboración do Pecas na serie que tan “gheadamente” dirixe Antón Reixa, en Fisterra deuse a rara circunstancia de que toda a familia se xuntara frente ó televisor, grande como nos tempos en que había unha soa cadea e, polo tanto, unha soa película e un só partido de fútbol. E tamén tres ou catro anuncios que os rapaces sabiamos de memoria e que facía que, a falta de videoconsolas, nos consoláramos xogando a ver quen era o primeiro que acertaba a propaganda. En décimas de segundo sabiamos se era a de Nescafé, a de Ajas, el más poderoso, ou somos los conguitos, riquísimos de comer. Fronte ó vello televisor en branco e negro, coa pantalla chea de choiva, aqueles tempos convértense hoxe nin en mellores nin peores, senón diferentes, polo menos naqueles anos setenta, cando o dictador xa non dictaba tanto e saían en programas como os Directísimo con José María Íñigo, xente como o finado señor Ramón Calvo para contar as súas mágoas e dicir que a vida non era tan bonita, e chamarlle ó pan, pan, e ó viño, viño. Daquela non había tanta chamada de teléfono porque había que botar unha conferencia e esperar unha chea de tempo para que che puxeran con tal ou cual, pero o que había era a mesma expectación e desde a cociña os pais escoitaban ós rapaces berrar emocionados: ¡Papá, papá, o señor Ramón está na tele! O Pecas, Ramiro, Juan Papín, fíxome
lembrar aqueles días e gustoume, claro que me gustou, e máis
aínda que levara unha visera da Festa
do Longueirón, porque
en Fisterra sómosche así.
|
|
||||||||||||
boletín@finisterrae.com
|