PONTE-DO-PORTO
Couto troiteiro do río Grande

Sobre a Costa da Morte
 
 
Ponte do Porto encóntrase no fondo da ría de Camariñas,
ás dúas beiras do río Grande, onde este mestura pracidamente
as súas doces augas coas do salgado mar de Soneira.
Enxebre arquitectura popular

O antigo porto desta pequena vila fluvial lembra nostálxico a certa relevancia posuida en tempos pasados, cando os barcos remontaban a ría ata o peirao no que hoxe só se encontran algunhas pequenas embarcacións de recreo.

Baixo a ponte que dá nome a este lugar, ría e río funden mansamente as súas augas nunha paraxe de calma beleza, escollida por moitos pescadores para a práctica do seu deporte favorito : o couto troiteiro do río Grande pódese disfrutar ao longo de varios quilómetros por unha sinalizada vereda chamada Rota dos Muíños, que segue un Camiño Real á beira do río, entre vetustos muíños e axeitados merendeiros.

O estratéxico emprazamento de Ponte do Porto convérteno en ponto ideal de partida para excursións aos principais centros turísticos da comarca : Camelle, Camariñas, Vimianzo, Traba, Laxe, Muxía... En Ponte do Porto pódese degustar asemade toda a variedade da gastronomía mariñeira destas terras, así como facer compras na feira celebrada os segundos e derradeiros domingos de mes.

 
 
Cereixo, nobre parroquia dos Moscoso

Formando un conxunto homoxéneo con Ponte do Porto, a pequena parroquia de Cereixo é coñecida polos seus dous importantes monumentos arquitectónicos :

A Igrexa de Cereixo, datada do séc.XII, segue o estilo común do románico rural galego, cunha única nave, ábside rectangular con bóveda de cañón, e motivos decorativos céltigos nos muros e nas cruces. A porta sur contén a primeira escultura do mundo representando a traslación do corpo do apostólo en barca, tema constantemente repetido na cultura dos países celtas e probablemente inspirado no mito artúrico.

Como mostra da arquitectura galega de feitura militar, encóntranse a carón da igrexa as Torres de Cereixo, antigo pazo propiedade dos Condes de Maceda, onde tamén se acha un dos maiores hórreos de Galicia con 30 m. de longo.

Para saberes máis de Ponte do Porto :
Concello de Camariñas : Praza de Insua, 57 / 981 73 60 00
 

Para coñecer mellor esta fermosa terra, xa pode mercar o libro,
          A arte relixiosa na terra de Soneira

na Librería Trazos, para calquer consulta mandenos un E-mail a:

trazos@finisterrae.com