MANOLO RIVAS.- 

Ten este Buño o feitizo dunha vangarda milenaria. 
Botixo que renuncia ao volume pechado 
Para alucar a alborada.


 
MARILAR  ALEIXANDRE 

Hai tempo foron usadas 
Para beber o sangue do pai, 
A asa torta certifica a ruindade, 
Garfo no toco, man incompleta. 
Esquecida a cerimonia atroz, 
Nestes días apenas queiman gorxas. 
 


 
XOSE Mª LEMA SUAREZ 

Liñas onduladas –como a mar da Costa da Morte, sempre en movemento- e círculos concéntricos que nos lembran os motivos abstractos dos petroglifos das laxas dos montes. En suma, a cerámica 
popular de Buño é todo un testemuño vivente da historia de Galicia, quizais desde os tempos do Pai Breogán.

 
 
XELUCHO ABELLA 

A alfarería é un acto de creación. As mans demiurgas do oleiro educen as 
formas que a materia informe do barro contén potencialmente. Por iso, o mito 
bíblico da antropoxénese fala dun Deus alfareiro. 
 

 
 
XURXO SOUTO 

As cuncas de Buño xa non levan viño, nin leite, nin caldo mais aínda gardan as formas, a fasquía do caldo, do leite, do viño. Días de vento, desacougo, buscamos os nomes das cousas, identidade. Fasquía das cuncas, moito presta, dá solaz. Dígoche Buño e teño nos beizos o nome mesmo da Terra.


 
MIRO VILLAR 

Buño, corpo arxiloso, diáfanos contornos 
Que impermeabilizo lembrados na memoria. 
 

 
 
SUSO DE TORO 

Veu o cacao dun mato misterioso, en terras novas alén do océano, e 
fíxose unha milagre doméstica, o chocolate. Corazón negro da América, gardado mesto e quente na terra bergantiñá cocida dos oleiros de Buño. 
Altas temperaturas. 
 

 
 
XOSE LUIS  MENDEZ FERRIN 

Oleiro: naciches dun pulo auroral 
Para millorar o mundo 
Presidirás, labrego dos ouxetos 
O corazón do home puro e novo 
Que andamos preparando. 
 


 
XURXO BORRAZÁS 

Onde as mans do oleiro pousan 
Vai el, vai ela. 
No barro o corpo, 
O riso en verniz, 
E no conxunto, arrolados polo torno 
Imos todos, tamén nós. 
 

 
 
RAFA VILLAR 
Pinga a chuvia  
Que pinga 
Onde pinga o mundo 
E todo se recolle 
Cunca a cunca 
E uns dedos de oleiro 
Piden máis barro 
E fan 
Como se fixesen o amor 
inesquecibelmente
 
Mans cicelando no tempo a nobreza do barro, vizosa mostra dunha colección do humano intuír e que mesmo bebeu da cultura romana. Formas tradicionais creadas polo mestre artesán para dar fartura ás necesidades cotiás e a outras de máis recente razón.
Versatilidade de uso e decoración a base da liña indecisa ou oblícua arada finamente coa cana do xunco húmido. Cintas e listas en relevo de cores cálidas, acanaladas, brunidas e pintadas pola man firme que empuña a pluma ou o hisopo. Olería de autor froito do devir cultural colectivo e que o lume perpetúa. Serena perfección da tradición mesturada coa harmonía creativa das novas propostas. 
 
Situación/ Oleiros/ Proceso/ Tipos