conhezanos mellor
ESPECIAL
MAREA NEGRA DEL PRESTIGE
Puede encontrar más información en nuestra página de Inicio de finisterrae.com
 

MANIFESTO CONTRA A NOVA MARXINACIÓN DA COSTA DA MORTE

Os que asinamos este documento, que temos en común o nacemento ou a veciñanza nas comarcas que conforman a Costa da Morte -e os que somos 'fisterráns' de corazón-, queremos manifestar a nosa enérxica protesta polo novo esquecemento e marxinación de todo este territorio no chamado 'Plan Galicia 2003', pomposamente presentado no Consello de Ministros do Goberno español o pasado 24 de xaneiro na Coruña.

Toda Galicia, toda España e toda Europa sabe que a Costa da Morte foi con moito a zona máis prexudicada polo vertido do petroleiro Prestige, desde o punto de vista ecolóxico, económico, social e mesmo simbólico. Sen embargo, no 'Plan Galicia 2003' só aparece unha única cousa, un parador de turismo, como remedio milagre para a súa recuperación, como se isto abondase para sacarnos dun atraso secular que ten moito que ver co abandono destas terras occidentais polas sucesivas Administracións.

A Costa da Morte é unha xeografía especial, algo máis cá xuntanza de tres ou catro comarcas. Na súa condición de Finis Terrae, este territorio chega a representar a Galicia enteira. ¿Concibiriamos este país sen símbolos tan enraizados como Dombate, o Vilán, a Barca ou o promontorio de Fisterra?.

Despois de tantas declaracións grandilocuentes por parte das autoridades, que facían concibir esperanzas de que esta catástrofe fose o punto de partida para sacar estas comarcas fisterrás das súas carencias seculares, unha vez máis vemos que, a pesar de sermos os máis afectados, volvemos quedar esquecidos e burlados polos gobernantes. Con razón un xornal titulaba, despois do citado Consello de Ministros da Coruña: "A zona máis afectada [Costa da Morte] queda fóra das grandes infraestructuras".

Como cidadáns sentímonos indignados e reclamamos un efectivo Plan Especial Costa da Morte 2003 se é que de certo se quere poñer ó día esta ampla zona costeira e interior que vai desde Monte Louro e Carnota a Malpica e a Caión, onde non só se contemple unha necesaria recuperación ecolóxica que volva a natureza ó seu estado vital anterior (isto implica non só a limpeza das praias, coídos e cantís, senón a rexeneración da flora e da fauna e da paisaxe alterada), senón tamén unha recuperación económica (unhas infraestructuras básicas: autovía gratuíta de Carballo á comarca de Fisterra, comunicacións decentes con Santiago, unha vía férrea; modernización da cativa rede eléctrica; rápido acceso a internet, etc.), unha recuperación turística (menos declaracións vacuas e máis realizacións de proxectos concretos baseados no noso patrimonio cultural e natural) e, moi especialmente, que non se esqueza unha recuperación social da que a penas se fala e que pode levar a unha desvinculación dos habitantes co seu contorno e todas as consecuencias que isto conleva (depresións, paro, emigración, alcoholismo, drogadicción, problemas familiares, etc.).

Reclamamos do Goberno un verdadeiro Plano como punto de arranque para a recuperación efectiva da Costa da Morte, para sacala da súa marxinación e esquecemento seculares; de pésames compasivos e declaracións de boas intencións carentes de orzamentos estamos sobrados.


Aquí podes facer pública a túa mensaxe de apoio ou manifestar a túa opinión sobre esta catástrofe, tamén podes consultar as mensaxes recibidas.