As productoras volven prantar pataca fina, a especie que acada os prezos máis altos do mercado 
As patacas galegas  "son as mellores patacas do mundo" segundo unha publicación avalada polo Goberno galego.
 

Afonso Xabier Canosa Rodríguez 
Bergantinhos 

As produtoras tradicionais de pataca hai xa máis de un mes que prantaron as patacas de cedo. Agora para abril, cando a lua non teña forza (cando está baixando) é  a hora de prantar máis. De novo,  mentres se producen toneladas de patacas tipo Kennebec, prantarase só un quintal de pataca fina, deixaranse  uns regos  para a pataca "que tivemos decote". 

"A pataca fina é a única que habia cando empezaba isto da pataca, antes non se comia pataca, comíase nabos e castañas máis ben." "Antes de viren os enxeñeiros a pataca propia de aquí era a fina" din no meu lugar. Pero é que ademais a pataca fina é de unha calidade insuperable. O seu prezo non só dobra nin triplica, senón que mesmo cuatriplica, quintuplica e ás veces sextuplica a pataca Kénnebec con respecto a mercados como o limego, por exemplo. Sen embargo, a sua producción é mínima. A sua capacidade reproductiva é tan pequena que case non compesa prantala.  

A razón para que se siga prantando? Tanto a sua calidade como a intelixencia das productoras, que prantan escasa semente para que o seu prezo vaia máis alto e ao tempo abastecen o mercado coa Kénnebec, unha variante que de momento se reproduce moito máis. 

O 19 de setembro de 1996 publicábase no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se recoñece a denominación específica "Pataca de Galicia", e nomeábase o seu consello regulador provisional. A pataca tipo Kénnebec, de orixe americana, é a que escolleu o Consello Regulador como única autorizada a vender baixo o nome de "Pataca de Galicia". Segundo Ricardo Losada, técnico do Consello Regulador, a razón de ter unha única variedade é evitar que haxa confusión entre os consumidores. O label basco rexsitrou 5 variedades e isto confunde ao consumidor. Para Ricardo a pataca fina é a pataca galega antes que a Kennebec. O Regulamento definitivo aprobarase dentro de un mes e xa se levan feito distintas accións informativas.  Precisamente nunha publicación do Consello Regulador da Denominación Específica Pataca de Galicia afírmase que as patacas galegas son "as mellores patacas do mundo".  

O enxeñeiro José Maria Gaspart, autor de unha publicación sobre a pataca de Coristanco e experto agrónomo, coincide con Ricardo en que a pataca fina é unha variante evolucionada autóctona. Para Jose María é importante conservar a variedade. Hai que ver os termos nos que se define a calidade. "Hai patacas para ferver, para cocer, patacas para a ensalada…". A pataca Kénnebec, por exemplo,  é moi boa para ferver pero non tanto para asar. A pataca fina é de unha calidade moi boa e cotízase moito mellor no mercado. O problema é que precisa unha inversión moi grande para mellorar a sua producción. O problema deste tipo de pataca é que non se reproduce como as demais, a sua producción é moitísimo menor e non resulta rendible.  

Da mesma opinión é o tamén enxeñeiro José Pardiñas. "A pataca fina é de mellor calidade que a Kénnebec pero ten un problema moi gordo que é que non produce". Seria necesario aplicarlle un plano de mellora usando técnicas de reproducción in vitro ou técnicas selectivas para a mellora xenética progresiva.  

O web da pataca galega estivo facendo un seguimento das patacas nos mercados locais. Nunha experiencia pioneira, fóronse presentando os prezos das patacas nas feiras, uns mercados extremadamente competitivos nos que o comprador ou compradora son auténticos expertos no producto. O resultado comparativo das distintas variedades deu un prezo medio aproximado das 60 ptas. kilo para a variante tipo Kénnebec e 110 ptas, chegando a 130 ptas para a pataca fina nas feiras de Paiosaco e Carballo. Esta diferencia de prezo é debida tanto á preferencia do consumidor pola pataca fina como á sua maior escaseza no mercado.  

  

 
Hai hoxe oito dias...
 
 
 
  
Lugares
Natureza
Lecer
Contos
Pousada
Economía
  
Feito da man de Abertal
Informacións, suxestións e críticas a : costadamorte@finisterrae.com