BUSCADOR






21º Año - 5ª Época - 20/08/2017
BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE
En galego

Batallón Literario da Costa da Morte

Batallón literario da Costa da Morte

Nin tan ghrandes nin tan feros coma os lobos de Vimianço, a xente do Batallón Literario da Costa da Morte ten a força e o xenio do temporal na Semana Santa...

III Encontro

Nós

Nas caixas que traen e que darán de comer nos tempos que veñen salta xa o III Encontro. E é que estes mozos son aínda máis, e de Malpica a Esteiro sempre hai algún que traballe nestes mares. É por iso que unha vez ó ano desde que fixeron compañía, xa vai alá o terceiro, cómese e bébese na casa de algún que no día é de todos, fálase do oficio, mírase de carena-la chalana e pénsanse novos lances. Neste grandor do ano escóllese casa para o palique e o arranxo dos aparellos.

Foi naquel tempo, Sábado de Groria, cando se xuntaron ordinariamente en asemblea. Falouse, construíuse, o vento saltou e mudaron as tornas. A directiva renovouse; estes son os vocais: Miro Villar, Mónica Góñez, Tomás Lijó, Modesto Fraga, María Lado e Rafa Villar. Sendo da tripulación tócalles a eles larga-los aparellos. Na presidencia, vello lobo de mar, está Alexandre Nerium (Manolo); Xavier Rodrigues, lobo menos vello de terra adentro e moito peito, vai se-lo secretario. Patrón e segundo de abordo asumen leva-lo barco a porto se os das bandas bogan ben e en terra, chegando para xantar, hai quen bote unha man na descarga.

Feros Corvos

Feros Corvos

Noutra caixa vai o Feros Corvos, que non hai mellor sitio para os lobos por feros nin para os corvos por libres ca nel, unha publicación con carácter trimestral que se distribúe polas tabernas da zona. Se non o atopas ten a porta franqueada en Cerbán 11- Castrelo. 15128 Vimianzo (Galiza). Alí podes manda-las túas parrafadas ou, enviando os selos, pedir de balde os exemplares que mellor che conveña.

Empezando agora a terceira marea, invitámoste a ti, afeito ou non ás ondas, a participar da escrita visible na Costa da Morte; ó cabo, os caixóns poden arder e ti telo, telo, non mo queres dar e despois de vello pódelo salar. Contacta con calquera e vén connosco na singradura de cada día atravesando os camiños para chegar a pubs e salas, como mares, para chegar á xente e ás tabernas. Despois de todo e por se falamos de máis, poñédelle a culpa ó vento.

Mónica Goñez (Fisterra)

Hemeroteca