BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 22/10/2019
Marea de vida. A marea negra tivo resposta onte en Santiago.

Marea de vida

A maior manifestación da historia de Galicia. Todas as previsións foron superadas: as principais vías de acceso á cidade colapsadas; mesmo se tiveron que abrir as peaxes das autoestradas para facilitar a circulación. Os actos previstos polos convocantes tiveron que ser repetidos, pois a praza do Obradoiro volveu a encherse logo de rematar o primeiro "turno"; aínda así, milleiros de persoas non deron chegado a tempo para estar presentes nos actos. Todo isto baixo unha persistente chuvia que fixo que esta Gran Marea de Vida se agochara baixo unha capa de paraugas.

Acudiron á manifestación representantes da oposición (o PP non acudiu ao non chegar a un acordo no contido final do manifesto), organizacións de ecoloxistas, asociacións cívicas, sindicatos e persoas de diferentes paises ao considerar este problema como unha cuestión global; pero, sobre todo, acudiu o pobo galego, que respostou en masa ao chamamento e puido conmoverse co manifesto lido por Mauel Rivas e no que proclamou que Galicia é hoxe a humanidade que berra: "Nunca máis"!.

Pero fronte a esta marea de vida está a da morte; pois numerosas manchas de chapapote seguen a chegar ás praias e incluso están a entrar na ría de Arousa. Mentres, o núcleo da Gran Mancha segue a ameazar a costa, máis de 550 quilómetros da cal están xa afectados.

El Rei, na súa visita ás zonas afectadas acompañado de Fraga e Rajoy, fixo primeiro unha inspección aérea das costas e logo parou en Muxía e Laxe. En Muxía baixou á praia a falar cos voluntarios e dirixiuse á prensa para pedir que "como en Fuenteovejuna, todos a una" e que xa abondaba de "fotos demagóxicas". Supoñemos que se refería ás que nese momento lle estaban a facer, non ás que se fixeron o domingo 1 en Santiago.

A nota desalentadora puxérona os veciños de Muxía, que chagaron a increpar aos voluntarios polas súas protestas. Sobre esta actitude dos veciños xa se teñen feito públicas máis queixas dos voluntarios.

Hemeroteca