BUSCADOR






21º Año - 5ª Época - 23/10/2017
FEROS CORVOS Nº3

NOTA DA DIRECTIVA SOBRE A VIAXE DO BATALLÓN A CUBA

En datas recentes o alcalde de Corcubión, Rafael Mouzo, en nome da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), convidou ao BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE a visitar a illa de Cuba formando parte da delegación que se ía desprazar a finais de outubro co obxectivo de participar nun encontro cultural de amizade galego-cubana. A estas xornadas acudirían representantes de varios grupos e colectivos de artistas, escritores e músicos, razón pola que a FEGAMP ofertou unicamente seis prazas para os membros do Batallón. Así as cousas, a comisión directiva do BLCM —formada por seis persoas elixidas en asemblea— decidiu inicialmente acudir en representación da entidade (tal e como está facultada polos estatutos). Sen embargo, por razóns laborais, renunciaron a esta viaxe o presidente Miro Villar e o vocal Alexandre Nerium, confirmando a súa asistencia os outros catro membros: o secretario Modesto Fraga e os vocais Xavier Rodrigues Fidalgo, Rafa Villar e Mónica Góñez. Perante o feito de existiren dúas vacantes, a xunta directiva reunida en sesión extraordinaria decidiu por unanimidade cubrir estas prazas coas persoas que máis tivesen participado nos recitais do Batallón, na organización dos Encontros e na elaboración de Feros Corvos. 
Consultado o arquivo e previa valoración da directiva, foron elixidos como novos membros da expedición María Lado e Suso Bahamonde, quedando para suplencias ou baixas de última hora Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure e Xaime Trillo. Un compromiso inevitable de Rafa Villar produciu unha nova vacante que, como se decidira, foi ocupada por Abel Mendes. 
Con todo, a meditada e xusta decisión de establecer prioridades en función do traballo desenvolvido provocou o malestar (sen fundamento) dalgún asociado, razón pola que se decidiu facer público o criterio de selección empregado e paroveitar para reprobrar a actitude daqueles membros do Batallón que tan só aparecen en escena cando hai lupandadas ou viaxes e que non se deixan ver cando é necesario arrimar o ombro ou acudir a algún recital representado ao colectivo. Unha boa proba deste desleixo é este número de Feros Corvos no que tan só participa un tercio dos asociados. Polo tanto, é de xustiza que as persoas que máis traballaron fosen as elixidas para levaren a nosa imaxe colectiva xa que calquera outra decisión enfrontarías co espírito co que nacemos. 
E no futuro, temos moito aínda por facer porque "continúa a acción directa".

MIRO VILLAR, presidente do BLCM

RAFA VILLAR

o mar 
é unha bágoa esvaída 
que a penas cae 
sobre a tarde 
en Cee  aquí, 
onde o sol espella 
o seu adeus 
detrás dun monte cego 
e roto  e os que somos fillos 
desta terra riscada 
quixéramos 
perdurar no argazo 
infinitamente 

MODESTO FRAGA


Procureite a carón 
dos meus beizos perfumados de amor, 
e descubrín bicándote 
a traizón de saberte 
por outros compartido e conquistado.   

2
Dime, amor, 
¿acaso nós fuximos 
de vagar 
polos lindeiros do mundo 
na procura de substancias novas, 
afastados do tempo e do mundanal ruído, 
esixindo o tributo 
que o mar e a terra deben 
e ofrecen, 
para voltar do baleiro 
coas mans ensanguentadas 
e a mirada fría? 
Agardo que así non fora. 

SELO LOUZÁN

As luces do noso amor 
morreron nas tristuras deste tempo. 
Tempo, que non perdoas 
a nosa triste lembranza. 

Soño de tempos de angurias, 
de tempos de laios e choros. 
Triste o meu corazón, na noite, 
noite de tanto tempo. 

Que fique na nosa mente, 
o tempo, os soños, a noite. 
Que fique no teu peito, 
o amor de terte chorado... 
que fique, e que non morra, 
na noite, no tempo... nos soños. 

Que fican os teus ollos 
cravados no meu corazón.

MONCHO BOUZAS TOBÍO

A Néstor Cerpa Cartolini,  guerrilleiro tupac amaru 

Eu, o oligarca 
onte logrei calcular os milímetros 
do transtorno cabalmente aceptábel 
que separan a fiabilidade da exactitude 
académica e de gabinete de prensa governamental 

Foi onte cando o logrei calcular 

Logrei expoñer-lle a máis de duas persoas 
a ringleira de acontecimentos consecuentes 
apoiando o argumento nun logaritmo convincente 
no ámbito do progreso feliz 

Foi onte cando o logrei 

Logrei por toda técnica ao meu servizo 
e as verdades que atesoura o coñecimento 
camparon sen contestación en todas as emisoras 
e na tua conciéncia 

Foi onte 

Desde o ocaso feudal a vitória é miña 
e ninguén fai sombra porque todo mundo 
coopera en que sexa o titular do destino 
dos povos e nacións 

Foi, porque alguén pregoa aos catro ventos 
a liberación nacional dirixida polos silenciados 
e a revolución terrorista xa bate na porta 

Permite-me estimado amigo solicitar a tua pistola 
o son da contundéncia do teu discurso 
e necesário para conservar a orde e a xustiza 
porque os labregos e os meninos da rua 
escoitan a quen non deben 

ALEXANDRE NERIUM

Promontorio da costa, no mar máis tenebroso, 
refuxio de luceiros de mans entumecidas, 
sereas de pupilas, escuras, acendidas, 
na escuma branquecina, no vento agarimoso.   

Peirao de alba incerteza, tempo tempestuoso, 
galera de occidente de velas estendidas, 
estrelas espalladas, brisas esparexidas, 
vagas de sotavento, lamento sixiloso.   

Vagalume da noite, proa desafiante, 
obelisco herculino, fogueira incandescente, 
baía ensimesmada, solpor do navegante,   

diamantes incrustados na espada combatente, 
espida, taciturna, na area penetrante, 
esporón que amedrentas o norte descendente. 

HELENA PÉREZ

Hoxe síntote lonxe, coma un veleiro que navega 
a enorme distancia da costa. 
Coma un náufrago sen retorno. 
Coma algo que non forma parte de min. 
Pálida, o rostro descolorido delata a miña dor. 
A melancolía que atormenta os meus días. 
O murmurio desolador que me fai 
tan insignificante ante os teus ollos. 
Eu, que daba a vida se fora preciso por ti, 
que daba o aire que respiro. 
A auga que me sacia a sede, 
todo na vida sen este silencio. 
Todo na vida sen este baleiro.

XOAN ALBERTE MOURE


Sinto a necesidade 
de beber no manancial da túa boca. 
Calmar a sede que provocas 
no meu corpo 
e encherme de ti. 


Ás veces 
desprendías tanta paixón 
que me queimabas, 
outras eras tan fría 
que o sangue volvíaseme xeo. 
O teu clima era oceánico 
como a maré. 

MIRO VILLAR

CITA CON/CONTRA PAUL ELUARD  

Je n'ai pourtant jamais trouvé ce  que j'écris dans ce que j'aime    PAUL ELUARD   

Amado Paul Eluard, eu, sen embargo, 
nunca atopei o que amo no que escribo 
porque o meu estro sempre foi cativo 
para espertar o amor do seu letargo, 

e prefiro escribir con trazo amargo 
a que a dor se introduza no que vivo, 
a peneirar as dúbidas no cribo 
antes de que o amor pase de largo. 

Tal vez a miña escrita sexa pobre, 
humilde pode ser, mais sempre nobre, 
e todas as palabras tal vez nada, 

e inútil a metáfora máis pura, 
porque aínda o amor está na altura 
e o verso se callar de retirada.

MÓNICA GÓÑEZ

Vés 
coma a marea vermella, 
confundíndome. 
Desfacéndome 
en ondas 
que despois coses 
pola praia 
intentando construírme. 
Inféctasme de ti 
e bótome do mar 
a oxidar 
facendo tempo, 
morrendo confundida 
pola marea vermella 
que me traes 
disimulada 
nas costelas.

XAVIER RODRÍGUES FIDALGO

Sobre o selo da alta estufa 
o cristal das castanhas fotografando-me sem piedade, 
retratando a agitaçom de mil bichinhos interiores 
e a velocidade da inteligência em fuga 
e um conseqüente baile de descenso cara a barriga, 
                                               cara a bexiga... 
O cristal das castanhas 
e um feixe de líquidos a óstias 
nalgumha desembocadura 
perto de toda víscera dentro da minha camisa 
                                                    [suada. 

O cristal das castanhas, e os marcos e as marcas 
dos que nos expomos a pelo 
a qualquer áscua... 

O cristal das castanhas e o medo 
a arrescender a chamuscado por tanta queima, 
por tanta maçá proscrita a berrar-nos nas tripas 
matando-nos sem pressa mas sem pausa, 
hoje à fame 
manhá esganados. 

O cristal das castanhas tirando um primeiro plano 
do que levava dentro 
e agora abrolha a caldeiros. 

ABEL MENDES BUJEIRO

POEMAS DO ANZÓ  
   
Adicado aos meus amores breves, pequechos, e outras codias
   

1
Si, 
condúzome mal nos camiños do amor 
montei no teu aeroplano coma de neno nun triciclo encarnado 
confiado na existencia dos reises de Oriente, 
pero desta o engado non quebrou ningunha inocencia 
senón que coma en toda ilusión materializada 
o etéreo trocouse máis cedo ca tarde en tanxible 
e puiden sentir a ordinariez da túa persoa 
coma quen cheira un peido 
coa integridade moral que confire saberse alleo 
nin sentín maior pesar ca un cidadán normal 
pola manipulación do sufraxio na democracia burguesa 
porque nin ti merecestes nunca outra cousa 
nin eu estaba para outros empeños. 
Es máis cativa cá soberbia.   
 

Non che quero mal muller 
tan só non che quero diante miña. 
Eu son o parvo 
ti es a muller, a lista. 
Confésoche que non tirei maio gusto de ti ca ti de min. 
A túa presencia fui tanxencia da miña fame 
a miña presencia fuiche compaña. 
Atrévome a dicir que após de todo 
na culminación das nuites 
cecais a túa vulva ficou endebedada, 
pero eu non edifico a miña fortuna dezmando miserias 
e compráceme saber que tirastes de min todo o que merecías 
menos dúas pingas. 
Son un xoguete solidario. 

Hemeroteca