BUSCADOR






21º Año - 5ª Época - 27/04/2017
NÓS - MARILAR ALEIXANDRE

VARIACIÓNS SOBRE O TEMA DE CARRAPUCHIÑA E O LOBO  1697 - 1997 terceiro centenario 
de Carrapuchiña Vermella (segundo Arturo) 

1. Ven, déitate comigo, díxolle o lobo, o grande lobo negro á pequena, á tenra Carrapuchiña. E a pequena Carrapuchiña espiuse e foise deitar baixo os cobertores, baixo as grandes mantas de la, e encontrouse nos brazos do lobo. Mil e un pelos negros inzaban os brazos do lobo, e cada pelo era tan grande como un dediño da nena. E o lobo achegou a cabeza ás mans de Carrapuchiña, e abrindo a boca meteu dentro os dedos un a un, e moi a modo, foi rilando as unllas, como fan as nais cos fillos pequenos, e roi que roi, comendo as unllas como faría unha nai, que non se poden guindar por aí as unllas das nenas, non sexa que alguén as use para un mal de ollo ou algo peor. 

2. Seica non é certo que a rapaza se toucase cunha caparuza vermella. Segundo di o Larousse étymologique, en francés antigo chaperon  referíase ó peiteado, e daquela teriamos que deducir que o vermello serían os cabelos, que a rapaza tería unha longa cabeleira rubia que ía descendo sobre o seu corpo a medida que o lobo espenicaba a roupa, ou talvez vermella sería a risca nas sabas como unha sinatura gloriosa da rapaza logo do decrú. 

3. Disque o vermello non era caparuza ningunha, senón unha muceta –así traduce o diccionario a voz chaperon– como a que levan os profesores sobre a toga e, digo eu, unha muceta vermella significaría que a moza tiña o doutoramento en Leis, sendo probablemente esa a razón de que o cazador lle mandase un tiro, que de homes un pouco xarotos antes cabe esperar ciumes das letras que dos lobos. 

4. A miña carrapuchiña non era vermella, senón roxa, e levaba ó colo un pano encarnado, da cor do primeiro de maio, da cor libertaria dunha estrela que levaba o Che na pucha, da cor miliciana da bandeira que Emilio tiña agochada na casa para cando chegase o día. Ía Carrapuchiña Roxa correndo polo bosque cara ás barricadas cando topou de fronte cun cazador que tiña o rostro todo cacarañado e vestía unha camisa azul. O cazador mandoulle un tiro e guindou o corpo no foxo, xunto a tantos outros. 

5. ¡Que cairos grandes tes! díxolle Carrapuchiña ó lobisome. É para trabar mellor en ti, dixo o lobisome arregañando os brancos dentes. E trabou no colo, tras da orella onde a pel é suave como o cenceno, como o ventre das arañas novas. ¡Que lingua grande tes! díxolle Carrapuchiña ó lobisome. É para bicármonos mellor, dixo o lobisome, lambendo coa lingua os labios de Carrapuchiña, etc.

Hemeroteca