E si un día felís contra a inxusticia
nos agros celtas o cramor se escoita,
ser dos primeiros en abrir a loita baixo
a santa bandeira de Galicia.
Ramón Cabanillas
A Xosé Miñóns Bernárdez
NON FOI DOADA A AUSENCIA PREMATURA
en quen o sangue alleo foi semente,
cando a traxedia principiou no abrente
para morrer na noite máis escura.
Quen por vivir sumido na amargura
adoitou ser a voz do pobo Abente;
morrerá por vivir eternamente
nos anais da poética escritura.
Mais cando os tempos tornen silenciosos
e o seu trinar de ave mutilada
a penas sexa canto desolado,
sempre ti, reiseñor enamorado,
trocarás os teus cantos rumorosos
por berros de cantar á Terra Amada.