BUSCADOR






23º Año - 5ª Época - 19/09/2019
NÓS - RAFA VILLAR

Hai un mar e unha terra dentro do mar que se crava fonda como unha espora, e un silencio que ás veces é un látego escintilante ao corazón da noite inmensa. 
  
Somos esa vida desangrada tras os vidros manchados de argazo. Os nosos ollos nacen ao inverno e ao espanto como nós á loucura e ao berro. Perdidos faros alumean para sempre a nosa ruta afundida. 
  
Hai un mar de terra empuñada vomitando lume en nós. Unha dor antiga que nos queima. Un horizonte cego. Unha soidade. Somos como a ardora e o naufraxio, e navegamos calquera vento imposíbel. 
  
Entre a terra e o mar só os nosos corpos ferozmente amarrados. 

Hemeroteca