BUSCADOR






21º Año - 5ª Época - 18/10/2017
CANTIGA FINISTERRAE. Cantiga finisterrae para múltiples voces de luz.

Letra de Fernán Bello

A Ruth

País das terras verdes que van morrer ao mar,
unha cantiga nova estremece no vento
o labirinto puro de todos os confíns.

Dende as albas insomnes que palpitan o día,
no florecer da auga na raíz da mañá,
o tempo foi labrando unha saudade antiga

até esta luz que invade o corazón de luz.
Nás gándaras abertas, nos vales silenciosos,
nos bosques que declinan o seu misterio azul;

nas sonámbulas veigas que tremen de frescura,
nas praias onde a brisa é invisíbel nudez,
unha cantiga nova acende a lonxanía:

alta terra diúrna, a espiral do fulgor,
os camiños brillando, láminas inflamadas
da exhalación do sol. Sobe o mar nos espellos,

sobe a chama no ceo. Arborece a distancia
un labio transparente até queimar a voz:
toda a luz, toda a luz entrando, entrando en nós.

País das terras verdes que van morrer ao mar,
entre semente e soño, entre vertixe e flor,
campos iluminados que se inclinan ao sul.

O tempo aquí non foxe. A nave do mencer
tocou a estrela firme, a pedra xerminal.
País das terras verdes, enraizado fervor

dun enigma no tempo: a camelia no ar,
o horizonte que nace poboando os segredos
do noso propio se; a palabra inicial,

a visión interior dun asombro no abismo
cando a luz é outra luz e a primavera avanza
fundando a cor da brasa no noso sangue insomne,

nós que levamos o sol ardendo na memoria,
astro vital e seiva de luminosos días.
Contra a sombra que paira na nosa negra sombra,

contra o gris neboeiro e contra a triste chuvia
dos séculos que foron, ancorados na historia,
esta luz que penetra na ruína dos muros,

as fábricas escuras, as neveiras do medo,
as confusas feridas, longos túneis de inverno;
esta luz que inaugura terras anchas que brillan,

territorios sen cinza, nidias amanecidas;
luz que borra a oxidada materia da tristura,
os remuiños do odio, as provincias da guerra,

a capital obscena da dor que nunca cesa;
luz que vence as esquias pedernais dos suburbios,
os aramios viláceos que transita a probeza,

os ángulos da casa que dobraron os ventos
nas devesas de Europa, nos cercados sen nome,
nas aldeas rendidas que vaciou a noite.

Esta luz como febre amordazando a néboa,
escabando no frío dos países que somos,
revelando no sangue unha esperanza acesa

como as terras que arden no corazón alzado
dunha alborada branca; constelación nevada,
a luz, a luz triunfando fecunda e solidaria;

a luz sen fin nos faros, no ronselar das chairas,
nos fíos que nos unen apurando as palabras,
na orientación dos días, na comunal labranza

do tempo renovado. Todo o mar é un abrente,
o perfecto desexo desta cantiga nova,
a claridade viva que se funde cos soños.

Aquí estamso, no límite increado do mundo,
na pulsación das horas, no sopro do destino,
imantados a un himno de poderosa urdime:

o mar e a multitude da súa alta harmonía,
a espiral que transmigra a flor da liberdade,
as terras que proclaman o dominio da luz.

Cando vibra no corpo a emoción demorada
das paisaxes do norte, cando se instala a alba
nos ollos que adiviñan a duración do incendio

debuxado no sangue, sabemos que hai un astro
entre a sede e o fogo, a floración do centro
que conmove o espazo, a cúpula dun clima

de mercurio insaciado, a latitude ardente
dunha maré que ascende no devalar do ceo.
Oh luz do mundo fiel, terras do alborecer,

a lucidez do sol sobre os campos centrais,
a razón do porvir, a irmandade total
entre os seres e a luz, a ondulación feliz

dos corpos na mañá. Oh luz do mundo real,
delicada estación entre o comezo e fin,
rozando a pel do abismo a música triunfal,

o espírito da voz, o escintilar da alma
ateigada de luz. País das terras verdes,
territorio solar, queimadura interior

cando renace a vida, a materia futura,
o soño doutro tempo a aparición do día;
cando a luz é un milagre que regresa do mar,

alta e definitiva, liberada e final,
para borrar a morte e regresar entrando,
entrando en nós máis pura, no país pensativo,

na duración do tempo, na espiral da cantiga,
no vento estrelecido, na harmonía estrañada;
a luz, a luz cantada irradiando a figura

contra as sombras pasadas, contra as fendas escuras;
a alta luz construída sobre as terras amadas,
a alta luz incesante sobre as patrias futuras.

Hemeroteca