ROMARIAS
 
 
 
 
 
Semana Santa, Xoves Santo e Domingo de Resurrección 
SEMANA SANTA - Fisterra 
A Semana Santa de Fisterra é unha famosa festividade á que acoden xentes de toda Galicia e máis doutras terras. Os fisterráns reviven nunha espectacular representación a Ultima cea (Xoves Santo) e a Resurrección de Cristo (Domingo de Pascua), tras a cal celébrase a Danza das Areas, antigo baile orixinario do séc.XI. 
 

Martes anterior á Ascensión 
NOSA SEÑORA DE MONTETORAN - San Mamede de Bamiro 
Romeiros de moitos lugares acoden á pequena ermida emprazada nun outeiro xunto A Piroga, xa que a Virxe é avogosa para os males da cabeza e das espullas. 
 

Luns de Pascua 
VIRXE DO MONTE - Camariñas 
Romaría local, os camariñáns piden á Virxe polos homes do mar e polos mozos levados ao servicio militar. A Virxe do Monte é avogosa das migrañas e da tolemia. 
 

Martes de Pascua e Martes de Pentecostés 
NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS - Lira 
Na ermida erguida no séc.XVIII os romeiros depositan numerosas ofrendas e exvotos, entre estes o leme dunha nave da Armada Audaz. 
 

Domingo de Resurrección 
ROMARIA DO SANTO CRISTO DE FISTERRA - Fisterra 
Coincidindo coa representación da Resurrección de Cristo da Semana Santa fisterrá, celébrase tamén a romaría do Santo Cristo de Fisterra, o Cristo da Barba Dourada, moi venerado en toda a Costa da Morte. 
 

Véspera e día da Ascensión 
SANTA ANA DE RABADEIRA - San Mamede de Seavia 
A Santa é recibida con arcos e poemas por toda a parroquia a véspera da Ascensión. O día da Ascensión romeiros de todo Bergantiños piden polos bós partos e pola boa crianza dos nenos tocando lazos na imaxe da Santa. Estes mesmos lazos póñenselle despois ás vacas para que den máis leite. 
 

13 Xuño 
SANTO ANTONIO - San Lourenzo de A Golada 
Importante romaría que ven axuntando uns 10.000 romeiros, o gando é concentrado ao redor do Santuario para ser bendecido polo crego. Posteriormente, humanos e bestas participan na procesión do Santo. 
 

16 Xuño se é Domingo, ou Domingo seguinte en caso contrario 
SANTO HADRIAN DO MAR - Malpica 
Importante romaría que congrega unhas 3.000 persoas, algunhas delas chegadas a pé ou de xeonllos desde lonxe. Santo Hadrián é levado en procesión namentres os romeiros decoran a súa capa con cintas de cores. A fonte santa da ermida do Santo, onde se depositan numerosos exvotos, cura os males de persoas e bestas. 
 

16 Xullo 
NOSA SEÑORA DO CARME - Corme 
Procesión marítima con gran presencia de embarcacións que pasean á Virxe polas augas da ría. 
 

20 Xullo 
SANTA MARGARIDA - Santa María Magdalena de Montemaior 
Os romeiros acoden para pedir cura ás doenzas da pel, mans, pés, e gorxa. Na fonte santa do Santuario fanse ablucións e deposítanse ofrendas e exvotos de cera. 
 

1 Agosto 
SAN FINS DO CASTRO - Santo Estevo de Cesullas 
Santo avogoso das espullas, que se deben mollar nas augas dunha fonte miragreira. Características desta romaría son tamén a queima do Santo da Polbra e o Berro Seco, cando os romeiros, ao sinal do crego, berran xuntos para se protexer dos maos espíritos. 
 

15 Agosto e primeiro Domingo de Setembro 
NOSA SEÑORA - Santa María de Vilamaior 
Festa patronal da parroquia á que acoden numerosos romeiros do val do Dubra, Bergantiños, Xallas e a Mahía, atraídos pola fonte santa cuxas augas son curativas. 
 

15 Agosto 
ASUNCION DA VIRXE - Laxe 
Conmemórase á Virxe do Carme, patrona dos mariñeiros, á que se leva en procesión marítima polas augas da ría. 
 

30 Agosto 
NOSA SEÑORA DE LIMA - Laxe 
Romeiros de Bergantiños, Soneira e incluso doutras terras, danse cita no templo do Monte Cornaceiras para protexerse de todo tipo de males. Os diversos exvotos que contén o templo son mostra pública dos favores concedidos. 
 

8 Setembro 
NOSA SEÑORA DAS MIRAGRES - Caión 
A Virxe é portada en procesión ata a ermida de Nosa Señora das Miragres, emprazada no Monte da Insua, onde existe unha fonte santa na que os romeiros se lavan para aliviar os seus males. 
 

8 Setembro 
NOSA SEÑORA DO FARO - Brantuas 
Romaría de grande popularidade na bisbarra, veu cristianizar un culto céltigo anterior. Situada no cume do Monte Faro, a ermida de Nosa Señora é lugar de congregación, súplicas e agradecementos de miles de romeiros que moven as tellas do teito da ermida para cambiar a dirección do vento. 
 

8 e 9 Setembro 
NOSA SEÑORA DAS NEVES - San Pedro de Buxantes 
Romaría local na que se recolle auga da fonte santa para llela dar ao gando e ás nais que están a criar, como protección de doenzas e mellora do leite. 
 

Domingo seguinte ao 8 Setembro 
NOSA SEÑORA DA BARCA - Muxía 
Antigo santuario céltigo posteriormente cristianizado e relacionado coa tradición xacobea, a Nosa Señora da Barca é unha das romarías máis célebres e concorridas da Costa da Morte. Os diferentes ritos dos romeiros nos vestixios pétreos da barca da Virxe e no Santuario terminan nunha colorida procesión marítima en honra á protectora dos mariñeiros e avogosa de males diversos.