NOTICIA DOS BRAVOS CORSARIOS DA COSTA DA MORTE
 
Loitaban polos dereitos internacionais, o libre comercio e para se defenderen dos ataques piratas.
  

Xosé Manuel Lema  
 

Unha das páxinas inconclusas da nosa historia comarcal, que pouco a pouco está saíndo á luz, é o da intensa actividade corsaria da época inmediatamente anterior á batalla de Trafalgar. 

Desde os tempos de Fernando VI e Carlos III a armada española e o comercio marítimo tiveron un pulo importante. España seguia contando cun basto imperio e os portos atlánticos íanse abrindo ó comercio europeo e americano. Desde o século XVI os ataques piratas de tódalas nacións ás costas da Fisterra foron constantes. No 1524 14 naves francesas enfróntanse a outras tantas biscainas e os fisterráns participan apreixando unha gabarra de 17 homes. No 1544 25 buques galos saquean Fisterra. No século seguinte hai datos de ataques turcos e berberiscos, holandeses e ingleses. Todo isto fixo que nas nosas costas, ademais de comercio, houbese tamén actitudes defensivas contra os piratas.  
 
Ambrosio, corsario 
Ambrosio Alvarez Pardiñas
e o seu can de palleiro.
Ambrosio loitou polos dereitos internacionais e foi un gran amigo do Rei de Portugal
 
Entre o 1744 e o 1881 os reis conceden patentes de andar ó corso ós barcos de comercio nas costas galegas e entre eles algúns da comarca. Nace así a grande época do corso, unha loita moitas veces de autodefensa, de darlle ós inimigos coas suas mesmas armas. Eran estes barcos navios comerciais artillados para defenderse dos bloqueos martítimos ou xente de mar que andaba a facer presa nos navios ingleses e portugueses que pasaban polas nosas costas, moitos deles cargados de bacallao da nosa perdida Terranova. 

Entre 1798 e 1818 prodúcese unha intensa actividade corsaria. A guerra de independencia de Norteamérica provoca que Inglaterra declare tamén a guerra a España e produce os bloqueos marítimos, falsos pactos e de novo bloqueos como o de 1801. Neste marco a Costa da Morte arma barcos (pinazas, bergantíns, goletas) para o corso.

Aparecen así nos anos noventa os nomes de Escaja, Leira ou Lastres en Corcubión ou de Meréns en Cee 

A Royal Navy fai unha incursión de hostigamento ó corso galego e francés, hai un bloqueo de corsarios ingleses no 1801 e outro durísimo de fragatas de guerra tres anos despois. 

Mais os intrépidos capitáns fisterráns coma os vigueses e coruñeses son quen de enfrontarse ós grandes buques de guerra e facer centos de capturas. Así o porto de Corcubión pasa a converterse nunha das máis importantes prazas atlánticas de subhasta de barcos capturados e mercadorias gañadas na guerra de corso.  

Porque é unha guerra auténtica. Xa a primeiros do século pasado temos constancia de catro mortos andando ó corso en Cee e dous de Ponte do Porto loitando no Reino de Cádiz.  
 
Non só apreixaban navios nas nosas costas. Os portos do sur e os de América tamén eran lugares de recalada dos nosos mariños. Así na viciña Camariñas e na Ponte do Porto (fielatos marítimos dependentes da Coruña) comerciaban con Cádiz, Sevilla, con Vigo e con México. No comercio os portos do sur destaca Domingo Antonio de Pazos e no mexicano, Ambrosio Alvarez Pardiñas. Este é un dos máis bravos capitáns corsarios, un auténtico pirata do Caribe que xa entre 1792 e 1798 terá un bergantín no porto de Veracruz, "La Constancia de Galicia" con 25 homes e dez canóns.                                             
 
Escritores como Curros Enríquez desde as letras galegas ou os románticos das españolas e inglesas cantaron e promoveron actos bélicos no mar pasada xa a época de corso
Carlos IV concede licencia de corso en xaneiro de 1800 a Don Antonio de Leira e a Xaquín Domínguez de Corcubión e a Pedro Díaz Porrúa e Xosé Sánchez de Cee que arma en Fisterra a pinaza "San José e ánimas" con dous canóns, dous obuses pedreiros e trinta homes mandados por un gran capitán, o valente Xaquín Agramunto. Este mariño fisterrán que tantas desfeitas causou á armada británica, será o patrón doutros dous barcos armados por Antonio de Leira "La Venganza" e "La Barquintón". 

Dos corsarios da ria de Corcubión un lugar de mérito débeo de ter Leira, que por contribución patriótica foi distinguido como rexedor da vila de Corcubión no 1777, cargo que mantivo durante vinte anos, sendo señor da vila e xurisdicción Vicente Osorio de Moscoso e Guzmán conde de Altamira. Antonio de Leira e Castro foi nomeado factor das vilas de Corcubión, Muros e Camariñas no 1797 no reinado de Carlos IV, e polo tanto encargado do aprovisionamento de víveres para o exército nos términos destes portos citados. 

Anteriormente fora factor de Corcubión seu pai, o tamén comerciante José de Leira. E xa nos inicios da invasión napoleónica do noso chan, Leira xogou un papel destacado nas embaixadas que se fixeron a Inglaterra para conseguir axudas para os rebeldes galegos que loitaban nas guerrillas contra o francés, xa que antes de corsario fora, nos anos setenta, vicecónsul de Inglaterra en Corcubión. Circustancias dos saltos da política nun tempo inestable e de alianzas e guerras entre as nacións que dominaban o mar entre as que se encontraba o noso país, potencia de primeira fila ata o desastre naval da armada de Villeneuve contra a de Nelson. 

Unha das páxinas de bravura e valentia aínda non escrita da Costa da Morte nin do corso galego en xeral foi librada por mariños da nosa costa, unha de tantas páxinas aínda inmersas na borralla no abismo da memoria: mariños que se enfrontaban a fortalezas navais de tres pontes, que apreixaban enormes navios comerciais e que loitaban en Europa, América e Africa pola liberdade comercial, polo aillamento e pola defensa do seu país e das suas vilas, secularmente danadas pola pirateria e as accións de represalias. 

Unhs herois reais, de carne e óso, da nosa mesma carne, os nosos ancestros, moitos deles cos nosos mesmos nomes, apelidos e sangue.  

Honra a tódolos grandes mariños desta terra de loita e sacrificio, a inmortal Costa da Morte. 

 
 Hai hoxe oito dias
 
  
Para subscribirse o boletín de  finisterrae.com:
boletín@finisterrae.com
 
Lugares
Natureza
Lecer
Contos
Pousada
Economía
 
 
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com